Contacto
Para contratar, falamos.
O proceso é sempre persoal e directo, de peme a peme: nin automatismos nin intelixencias artificiais na nosa relación contigo.
Somos poucos, así que contéstache unha das persoas que fixo isto. Que é lento de escalar e moi rápido de resolver.
Que pasa despois
O que hai entre escribirnos e pagar.
1.
Escríbesnos
E cóntasnos como é a túa empresa: canta xente sodes, se tedes varios centros, se hai quendas e que convenio vos aplica. Con iso xa sabemos se che servimos.
2.
Contestámoste nós
Non un formulario nin un asistente. Se temos dúbidas, preguntámosche; e se cremos que isto non é para ti, tamén cho dicimos.
3.
Dámosche acceso para probar
Coa túa propia empresa dentro, non unha demostración de mentira. Sen tarxeta e sen conta atrás.
4.
E se te convence, factura
200 € + IVE ao ano, emitidos por Higaltor Technics. Nin antes nin a medias.
Necesitas algo que non está? Cóntasnolo. Se lle serve a todo o mundo, facémolo. Se só che serve a ti, vemos que se pode facer.
Quen somos
Higaltor Technics é unha peme coma a túa.
Necesitabamos rexistrar a xornada da nosa xente e necesitabamos estar seguros de que o faciamos ben: que cumpría a lei, e que era práctico de verdade no día a día — para quen ficha, para quen organiza unha quenda e para quen ten que responder se vén unha inspección—.
Miramos o que había e decidimos facérnolo. Funcionou tan ben que llo abrimos ás demais.
- Por iso custa pouco e non cobramos por persoa. Non estamos financiando unha rolda: compartimos unha ferramenta que xa tiñamos.
- Por iso ten o que fai falta e non douscentas funcións que ninguén usa. Sabemos cales porque nos fan falta a nós.
- Por iso o trato é directo. Somos poucos e preferimos falar contigo.
E nótase o primeiro día. O primeiro que ve quen acaba de contratar non é un cuestionario: son tres camiños, e o corrente son dous pasos — os seus xefes de quenda e a súa xente—. O titorial longo dura uns vinte minutos e non se perde: quen non o queira hoxe teno no menú para cando lle veña ben.

Escríbenos
Que contarnos no primeiro correo.
Non fai falta que sexa longo. Con estas catro cousas xa sabemos se che servimos, e afórraste tres correos de ida e volta.
- Canta xente sodes
- Aproximado xa vale. É o que di se isto che encaixa.
- Se tedes varios centros
- Cambia os festivos e quen é responsable de quen.
- Se hai quendas
- E se alguén organiza o día dos demais, ou cadaquén vai ao seu.
- Que convenio vos aplica
- Se ten regras propias de xornada, mellor sabelo antes que despois.
